Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2024 | Actualizada ás 19:20
A portavoz nacional, Ana Pontón, reafirmou o compromiso do BNG con Ourense, pondo o foco na industria, as infraestruturas e a mobilidade, tres aspectos "prioritarios" para o desenvolvemento da cidade e do conxunto da provincia.
Así o avanzou Pontón tras a primeira reunión do 'goberno alternativo' co que o BNG busca "dar réplica ao Executivo do PP", unha fórmula, explican, "inspirada nos gabinetes na sombra da tradición parlamentaria inglesa". Este 'Executivo' celebrou a súa primeira reunión de traballo en Ourense, con responsables municipais, locais e provinciais.
"Queriamos que a primeira visita fose a Ourense porque este país necesita políticas de reequilibrio territorial e frear a tendencia dos últimos anos de abandono e falta de investimentos", explicou.
Un compromiso que concretou nunha axenda propia "asentada" sobre dous alicerces fundamentais, "o desenvolvemento económico e o impulso industrial", e a posta en marcha de "políticas públicas de benestar que melloren a calidade de vida das persoas".
Nesta liña, a portavoz nacionalista avanzou que promoverán no Parlamento a creación da Mesa pola Industria de Ourense, "unha ferramenta para desenvolver unha folla de ruta para o futuro industrial" e que integre a todas as administracións e a todos os actores implicados.
A líder nacionalista tamén apuntou ás infraestruturas, tanto viarias como ferroviarias, como segunda gran prioridade, polo que defendeu a mellora do acceso ao polígono de San Cibrao desde a A-52 e que este parque industrial teña unha estación ferroviaria de mercadorías, unha proposta que "ten o respaldo unánime da sociedade ourensá, pero que desde as administracións non se atende". Por último, animou a avanzar na mobilidade e na conexión por transporte público, empezando polo desbloqueo, "dunha vez por todas", do transporte metropolitano.
"Estamos en 2024 e non podemos seguir permitindo que un dos maiores polígonos como é o de San Cibrao non teña transporte público", censurou, referíndose ademais ás 9.000 persoas que se desprazan diariamente desde a cidade.
VISITA A UNVI E AIXIÑA
Antes da reunión, Pontón visitou a factoría de UNVI, empresa especializada na fabricación e equipamento de autobuses que aposta pola mobilidade eléctrica e por fomentar unha movilidadque ten en conta o cambio climático.
"UNVI demostra como desde Ourense se pode desenvolver tecnoloxía punteira e unha nova mobilidad que aposte por autobuses eléctricos", aseverou. A líder nacionalista tamén estivo nas instalacións de Aixina, unha empresa de iniciativa social e sen ánimo de lucro que cualificou de "referente" no ámbito da economía social.
A este respecto, Pontón indicou que a da economía social é outra das áreas que o BNG quere impulsar, apostando por incrementar a reserva de contratos que teñen este tipo de entidades, moi especialmente as que son sen ánimo de lucro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.